Friday 17 de May de 2024

Feijóo confía no traballo dos equipos de loita contra os lumes e pide aos galegos unidade, precaución e denuncia


“Temos un dos mellores equipos de extinción de Europa, uns excelentes traballadores a quen queremos trasladar o apoio da Xunta e por suposto tamén ao exército, á Garda Civil e á Policía”, asevera

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o traballo que están a realizar os equipos de loita contra os lumes e trasladoulles a súa confianza e apoio, afirmando que ante os incendios só cabe “a unidade, a precaución e a denuncia”.

“Temos un dos mellores equipos de extinción de Europa, uns excelentes traballadores a quen queremos trasladar o apoio da Xunta e por suposto tamén ao exército, á Garda Civil e á Policía”, aseverou, trasladando ás Forzas e Corpos de Seguridade a importancia de extremar os labores de investigación dos lumes para deter os incendiarios.

Feijóo lembrou que o número 085 está á disposición dos cidadáns e asegurou que a Xunta seguirá traballando con intensidade ante unha situación que cualificou de “moi complexa” debido á combinación de “temperaturas extremas, unha seca prolongada, o vento e os incendiarios”. E a Consellería do Medio Rural seguirá informando sobre a evolución dos lumes.

Por último, o presidente do Goberno galego, que ao longo da xornada de hoxe visitará o Centro de Coordinación Central de Incendios para avaliar a situación dos lumes na Comunidade, destacou que a prioridade é sempre a integridade física das persoas por riba do patrimonio e dos bens materiais.